miércoles, 21 de noviembre de 2007

Level 2

Mirei a hora. Eran as oito e vinte escasas. Parece que me vai dar tempo. Mesmo me vai sobrar, pensei satisfeito. Levaba toda a noite conducindo. Mirei furtivamente ao asento do acompañante. Aí estaba a miña carpeta azul. A miña esperanza. Dentro dunha semana cumpríanse os tres meses dende que comezara o proxecto. Unha reportaxe fotográfica sobre os suburbios das cidades. Mergullárame en tódolos barrios baixos duns cincocentos kilómetros á redonda. Fotografara escenas terribles. A pobreza en si mesma, o sinsabor dos barrios marxinais, todo estaba na miña carpeta.

Cando comezara a traballar na reportaxe, non tiña moi claro que facer con ela. Tiña pensado vendela a algunha revista ou algo así. Ademais de ser un bo traballo, era consciente de que era comercial. Á xente interésalle ver os problemas dos demais. Sempre en fotos, claro. Pero gústalles saber que hai xente que o pasa mal. Así séntense afortunados e satisfeitos coas súas vidas.

Pero a noite anterior cambiara todo. Por pura casualidade vira un cartel amarelo no chan, preto da zona universitaria. Estaba enrugado e un pouco mollado, pero unha gran cámara de fotos chamoume á atención. Pareime e por curiosidade, lin: “CONCURSO FOTOGRÁFICO. A comunidade de (...) convoca un concurso de reportaxes fotográficas...” Sentín que era o meu día de sorte. Agacheime e desdobleino con coidado. Continuei a ler: “O tema é libre, sempre que esté relacionado coa vida urbana. (...) Os traballos deberán presentarse no Concello de (...) nun sobre cerrado (...) o prazo remata o día (...) ás dez da mañá.” A parte das especificacións técnicas e a dotación económica estaban borradas. Aínda así pareceume que era un sinal. O prazo acababa ao día seguinte e estaba moi lonxe, pero arrisqueime.

Despois de moitas horas ao volante, entrei na cidade. Non foi moi difícil encontra-lo concello. Aparquei e collín a miña carpeta. Cando baixei, un coche aparcou ao meu carón. De repente todo se tornou confuso. Vinme sumido nun silencio aterrador. Caín no chan. Mirei diante miña e vin como a miña carpeta e as súas fotos planeaban lentamente, antes de alcanza-lo chan. Estaban lonxe de min, metidas nunha nube de fume negro. Non comprendía nada. A xente corría. Dous coches estaban a arder. Un home saiu dun deles. Tamén ardía. Recoñecín o meu Saab, estaba de lado, con tódolos cristais rotos, envolto polo lume.

Unha cabeza apareceu sobre min e faloume. Eu non podía escoitar nada. Sentín dor nas pernas, como pinchazos moi fortes. Dóenme as pernas, axúdeme... Vin como os seus ollos se enchían de bágoas. Axudeme... Incorporeime un pouco e mireime as pernas. Entón todo se encheu de son. As alarmas dos coches, berros de xente, sirenas... O home falaba por un móbil:

“Manden un médico, rápido, á plaza de España! ... Estou con un home... houbo un atentado, está partido pola metade. ... Si, estáo. Que lle digo? Está ben, si.”

Sen apartar o teléfono, faloume: Como se atopa? Mal... Ten familia? Está casado? Si... Tirou o móbil do peto da miña camisa. Dígame, como se chama a súa muller? Dubidei. Estaba demasiado débil. Souben que ía morrer. Aínda así, contestei. Xoana...

1 comentario:

Ta-ntric dijo...

Non podo esperar a q esta historia continue...


Adiantasme algo??


[Qerote meu!]