jueves, 29 de noviembre de 2007

E agora?

“Na almofada había unha nota. Lin directamente o fondo. Se me queres chamar, aquí queda o meu número (...). Bicos. Asinábao Bea. Tiña unha letra fina e bonita. Arrinquei o anaco co número e enruguei o resto da nota, sen lela. Non quería ler nada. Aínda así, sabía que volvería a estirala e a lela máis tarde. Pero non hoxe. Erguinme e case coma nun acto reflexo busquei o móbil. Acendino. Non, Xoana non chamara de noite.

Desaiunei café con leite. Bebino sen azucrer, pareceume que non era o día de pórlle azucre. Sentinme moi só. Os veciños de arriba andaban en reformas e petaban con forza no teito. Vanmo tirar enriba como sigan así. Pasaba xa da unha. Senteime no sofá e decidín pór en orde os meus pensamentos.

Non sabía por onde comezar. Pasaran demasiadas cousas en pouco tempo. Iso era o que me amolaba. Estaba confuso, non sabía cal tiña que ser o meu seguinte paso. Nese momento sonou o meu teléfono. Respodín sen mirar o número. Si? Falou unha muller de mediana idade. Hola don (...) le llamamos de (...) ¿Estaría usted interesado... Sen colgar pouseino na mesa. A muller seguía preguntando por min dende alí. Teño que chamar a Xoana. Colgueille á compañía aseguradora e marquei o seu número. Como era de esperar, non houbo resposta.

Sentín fame e empecei a comer na ensalada de onte, que aínda estaba alí. Pensei en Bea. Non era a miña intención, ao contrario. Pero colouse no fio dos meus pensamentos sen eu querelo. Sentinme extraño. Arriscárame moito axudándolle, pero merecera a pena. Recordei os seus ollos. Unha fina banda verde rodeando as enormes pupilas negras. Recordei como me miraban e tremían. Levantei a cabeza e vin unha foto de Xoana. Todas as súas fotos a mostraban desafiante. Levanteime e quiteinas unha a unha da parede. Metinas nunha carpeta e seguín comendo. Cando acabei recollín todo. Non quería pensar en nada, así que me centrei en deixar todo ben limpo. Collín os petates e púxenme mans á obra coa cociña. Polo menos isto vai quedar decente. Levaba un par de horas na tarefa cando chamaron de novo por teléfono. Non me movín. Estaba cuberto de suor. O teléfono insistía e eu ignorábao. Non quero ter nada que ver cos demais, nunca... Finalmente deixei violentamente o que estaba a facer e contestei.

Que tal estás? Enterámonos do sucedido. Foi todo perfecto, só o accidente... Estás moi afectado? Tomádevos un tempo, se necesitades calquera cousa aquí estamos, eh? Aínda con todo, agora estamos no momento forte, ben o sabes. Xa non digo ela, pero ti convíñanos que voltases con nós canto antes...

Colguei. Non necesitaba apoio ningún. Non o entendían, non me importaba en absoluto. Chameinos outra vez. Fun rápido e claro. Non vou voltar a actuar. Non lles dei tempo a réplicas, non me interesaban. Apaguei o teléfono e saín á rúa. Paseei sen rumbo ata que se fixo noite. Logo voltei á casa e deiteime.

Pasei un par de días así, sen facer nada. Por sorte, tiña bastantes aforros. Sabía economizar cando actuaba e as asignacións eran altas. Pero non podía seguir así indefinidamente. Unha mañá acordei e decidín cambiar a rutina. Chamei a Xoana, de novo sen resposta. Tirei o móbil contra o chan. Moi ben, seguirei adiante sen ti, Xoana... Segundo dicía iso Bea veu á miña mente. Chegou o momento, pensei. Busquei a nota que me deixara polo chan aquel día e lina. Por sorte non a tirara.

“Estás durmido e eu teño que marchar. Chamaron á porta fai un pouco. Era unha muller, esa que está nas fotografías de toda a casa. Pregoume que non te chamara. Envolta en bágoas díxome que te necesitaba. Que a buscaras. Estará en (...) hoxe e mañá. Dixo que non a chamaras, non quería escoitar excusas. Só que se querías, que foses.

Pola miña banda non sei que dicirche. Cheguei á túa vida demasiado violentamente e así é como vou marchar. Non sei quen é esa muller, pero dende logo non se alegrou de verme aquí, pódocho asegurar. De todas formas non quero que esta sexa a última vez que nos vexamos.”

O resto da nota estaba arrincado. E agora que? Estaba fóra da banda e fóra da vida de Xoana. Só me queda unha opción, pensei. Pero non estaba precisamente disposto a aceptala. Collín unha maleta e metinlle todas as miñas pertenzas. Pechei tódalas ventás e baixei ás persianas. Fun á cociña e abrín o gas. Íame dalí para sempre.

Coma sempre que fuxía, fíxeno en autobús. Mentres esperaba polo meu lin o periódico sen interese. Non hai máis que catástrofes no mundo. Logo pensei que eu contribuía activamente á labor dos xornalistas. Sen desastre non hai nova, non? Logo pensei que ese era un cinismo bastante estúpido.

Por fin chegou o autobús. Mentres saíamos da cidade decidín chamar a Bea.. En canto me recoñeceu notei unha nota de ilusión na súa voz. Falamos un pouco. E logo, queres que nos vexamos? Eu non sabía que contestarlle.

Agora viaxabamos por unha estrada pouco transitada, rodeada de inmensos campos de millo. O sol atravesaba as ventás do autobús sen problemas. Facía unha calor tremenda alí dentro. Na radio dában algún éxito comercial que estaba de moda. Fixemos unha parada e baixáronse varios ocupantes. Quedamos catro. Bea e eu continuábamos falando, agora de cousas sen importancia. Era unha rapaza intelixente, gustábame. Adeús, Bea. Cando acabamos de falar sentinme moito mellor. Facía días que necesitaba falar con alguén.

Horas máis tarde chegamos á miña parada. Baixei e collín un taxi, hoxe non tiña tempo para paseos. Tardei en dar co hotel pero, a base de preguntar, atopeino. Fun á recepción con paso seguro. Atendeume unha rapaza nova. Dirixiume un sorriso agradable mentres consultaba o seu arquivo ao ritmo da música. Eu non coñecía aquela canción. Ever fallen in love with someone... cantaban. Pregunteille de quen era. Nouvelle Vague, contestou. Logo puxo expresión de extrañarse e, sen apartar a mirada dos papeis, preguntoume: Cómo era el nombre? Comecei a inquietarme. Xoana, contestei. Seguiu mirando. Pues a ver si la encuentro. Es que estos días tenemos esto a tope..."

martes, 27 de noviembre de 2007

Búscame.

“Un acendeu un cigarro. O do medio sorriu ensinando tódolos dentes. E que facías tan soa por aquí, mulleriña? O terceiro deles remexía no meu bolso. Tirou del a carteira e púxose a argallar nela. Vanme violar, pensei. Tentei fuxir. O do medio agarroume polos pelos con forza. Quieta, nena. Púxome a navalla no pescozo. Estaba sentenciada. De súpeto, alguén falou: Policía secreta. Hai algún problema, señores? Virámonos cara a aquel home. Empuñaba un revólver, desafiante. Non o víramos achegarse. Un dos atracadores tiroulle o bolso á cara e todos tres botaron a correr. Pechei os ollos e suspirei. O policía non os perseguía nin chamaba pola radio. Recolleuno todo e deume o bolso. Mira a ver se está todo. Faltábame a carteira, o demais estaba. Verás, eu non son policía. De feito, esta pistola é unha réplica. – disparoume con ela e sentiuse un “clic” – Non me gusta andar armado, pero xa se ve que ás veces é útil. Deberías denuncia-lo roubo. Toma, con isto darache para cear – tendeume vinte euros – tés onde durmir? Eu non entendía nada. Non entendía que facía un home cunha pistola de réplica nunha rúa solitaria salvándome dun atraco e regalándome vinte euros para cear. É absurdo... Todo isto é absurdo... Mirei ao meu redor. Púxome os cartos na man e marchou.

Estou segura de que sabía cal sería a miña reacción. Por iso o fixo así. Nun primeiro momento eu quedei paralizada. Non sabía que facer, non sabía a donde ir. Mirei os vinte euros. Non podía pagar un hotel con aquelo. Pero parecíame abusivo pedirlle máis. Botei a correr tras súa e agarreille un brazo. Revolveuse asustado e desafiante, pero ao ver que era eu puxo cara de alivio. Tamén estou segura de que tiña ese movemento pensado. Aínda así pareceu totalmente natural. A reacción de alguén acostumado ao perigo. Aínda non lle din as gracias polo que fixo. Gustaríame cear con vostede, invito eu, xa lle devolverei os cartos cando poida ir ao banco. Tardou un pouco en contestar. Parecía estar indeciso. Non me gustan os restaurantes. Cearemos na miña casa, se che parece ben. Nese momento non o pensei e aceptei. Pero segundo íamos camiñando comecei a arrepentirme. Acababan de roubarme e o que se me ocurría era meterme na casa dun descoñecido que andaba cunha réplica de revolver no peto. Sentín medo.

Íamos en silencio. A el parecía non importarlle pero para min era unha situación moi incómoda. Aínda non nos presentamos. Chámome Bea! El díxome o seu nome sen mirarme e vin debuxarse nos seus beizos un pequeno sorriso. Xa estamos chegando, por aquí.

O portal parecía moi luxoso, todo de mármore. Segundo entrabas o primeiro que se vía era unhas escaleiras anchísimas. Nós collemos o ascensor, que estaba un pouco á dereita, oculto á vista dende a rúa. Había oito pisos. Nós fomos ao séptimo. Entramos no apartamento e vin que non tiña moito que ver co portal. Os mobles eran vellos e a pintura era máis amarela ca branca. As bombillas sen lámpada daban unha luz insuficiente. Pasamos ao salón e mandoume sentar. Todo estaba ateigado de libros, mesmo parte dos sofás. Nas paredes había fotografías en branco e negro, sen marco. Parecéronme bastante boas. Podes poñer a televisión. Vou preparar algo. Insistín en axudarlle pero díxome que non.

Entretívenme analizando a estancia. Estaba desordeada, pero tampouco demasiado. É un apartamento acolledor, pensei. Na mesiña do centro había un par de tazas baleiras. Pensei que serían de café, pero logo vin nun plato unhas bolsiñas de té. Sobre da televisión había unha fina capa de pó. Fixeime que non había decoración. Todo o que había naquela sala tiña un porqué. Simplemente estaban as fotografías. Pero non parecían decorar, tamén parecían ter un porqué.

Sentín pasos e vino entrar cun par de platos na man. Nun había unha ensalada e noutro lomo frito. Non era unha cea moi abundante. O lomo queimouse algo, pero ha valer. Non tiña moito máis que facer aí dentro. Mentres eu contestaba algún cumplido el marchou polo que faltaba. Deume a sensación de que non estaba acostumado a ter invitados pero que finxía estalo. Non sabería dicir o porqué, pero deume esa sensación. Cando voltou comezamos a comer. Serviume unha xenerosa copa de viño e fixo o propio para el. Non falamos moito durante a comida. Conteille que era estudante e que andaba a buscar un piso. Que montara no autobús urbano equivocado e me deixara cerca das aforas. Cando voltaba á cidade para buscar un hotel fora cando me roubaran. El limitábase a asentir e facer algunha pregunta sen importancia. Ti a que te dedicas? Semellou ter que pensa-la resposta. Son fotógrafo. Saco fotos. Pareceume extraña a aclaración, pero non lle din importancia. Comenteille o que vira nas noticias. Hoxe morreu un fotógrafo moi importante, xa o sabías, non? Pareceu asustado. Non, quen? Temín meter a pata. Non recordo moi ben... Matárono no atentado desta maña. Fuente. Rodrigo Fuente creo que era. Baixou a cabeza, mirou ao chan e levou as mans á caluga. Parecía desesperado. Asusteime. Que pasa? Coñecíalo, era amigo teu? Ignorábame. Comecei a sentirme incómoda e pensei en marchar. Pero non podía deixalo así. Senteime á súa beira e paseille unha man pola espalda. Os terroristas son uns cabróns... Síntoo se era o teu amigo... Tampouco non sabía que podía dicirlle. Non sabía o vínculo que os unía, non sabía nada. Pero pensei que a miña presencia o reconfortaría.

Pouco a pouco foise incorporando. Estaba máis calmado. Miroume cos ollos húmidos. A súa expresión inspiroume infinita tenrura. Parecía falar só. Agora xa non hai nada que poidamos facer, non? Pensei que non esperaba unha resposta, pero os seus ollos seguían clavados nos meus, preguntándome. Non, só temos que seguir coas nosas vidas. Contestei lentamente. Esa mirada facíao débil e vulnerable e, sobre todo, moito máis novo. Decateime por primeira vez de que tería a miña idade. Ata ese momento parecérame moito máis vello. Sen pensalo demasiado, comecei a bicalo. El non se moveu. Abraceino, achegueino a min, pero non se moveu. Sentinme mal, ridícula. Separeime e levanteime. Perdoa, creo que será mellor que marche, gracias por todo... Colleume a man. Bea, quédate toda a noite... E comezou a bicarme.

Esa noite durmín alí. Pola mañá despertoume o sol, que entraba directamente dende a fiestra ata o fondo das miñas pupilas. El estaba ao meu lado, inmóbil. Non sabía se irme ou quedarme. Pensei en irme, pero algo dentro de min non mo permitía. Pensei por un momento que quería quedarme con el para sempre. A miña conciencia actuou deseguido. Marcha, Bea, estaste a namorar de quen non debes...”

lunes, 26 de noviembre de 2007

Volvemos

“Nunca me sentín demasiado atormentado por facer o que facía. Era a miña forma de vida, non me importaba o que pasara cos demais. Ao contrario de moitos dos meus compañeiros, eu era perfectamente consciente da dor que causaba. Das familias que destrozaba. E non, non me importaba en absoluto. Por iso, cando Xoana deixou de falar polo móbil e me dixo aquilo con un rostro inexpresivo, non souben como reaccionar.

Acordara co son do teléfono. Collérao de mala gana, pero a medida que escoitaba o que lle dicían fóranse borrando da súa faciana tódalas sinais de sono. Agora tiña os ollos completamente abertos e as súas mans movíanse nerviosas. Cando colgou aínda non lle dera tempo a formarse unha idea do sucedido. Por iso o único que se lle ocurriu foi decirme aquela frase tan desacertada. Somos uns asasinos. Pregunteime que tería pasado e non cheguei a ningunha conclusión. Decidín que o mellor sería da-la resposta que traíamos aprendida do entrenamento. A que se supuña que tiña que darlle. Non somos uns asasinos, Xoa, loitamos por unha causa, todo isto é necesario... Apartou a cara e púxose a mirar para fóra en claro sinal de que non quería oir ese conto de novo. Non me preocupei máis e intentei durmir. A viaxe era longa e daba tempo a facer moitas reflexións psicolóxicas. Se tiña que convencela de algo, chegaríame con empezar nos últimos kilómetros.

Pensei en que faría ao chegar á casa. Vivía só, nun pequeno apartamento bastante céntrico. Calculei que chegaríamos sobre a hora de cear e pensei que podería invitala. Volvinme para dicirllo e decatime de que estaba chorando. Extrañoume. Non era propio dela. Era unha muller forte, nunca dubidaba. Supuxen que tería que ver coa chamada que recibira, pero non acertei a imaxinar que podería ser. Vira na pantalla do seu teléfono que a chamara Rodrigo, o seu home. Levábanse ben. Pensei que ao mellor a informara da morte dalgún familiar ou algo así. Xoana non tiña moita familia e o trato con ela non era excelente, pero non atopei outra explicación mellor. Decidín non darlle máis voltas ao tema e seguín facendo planes. Tamén tiña que ir á compra e poñer a lavadora.

Quedei durmido e cando voltei a acordar estábamos entrando na estación. Estirei un pouco os brazos e a espalda. É terrible durmir nos autobuses. Acaba un máis cansado do que estaba. Baixamos e Xoana dirixiuse rapidamente á parada de taxis. Boteille a man a un brazo. Espera, vente e ceamos xuntos, non é tarde. Ceibouse e seguiu camiñando. Esta mañá matamos a Rodrigo. Non te quero ver máis. Non souben que quixo dicir con aquelas palabras. Para ser exactos, non souben que quixo dicir con que “matáramos a Rodrigo”. O resto estaba bastante claro.

Esa noite voltei a pé á casa. Vivía lonxe, pero apetecíame pasear. Levaba moitas horas sentado no autobús. Pareceume que a cidade estaba ausente. Non era moi tarde pero non había ninguén pola rúa. O que menos pensaba é que esa noite puidera acabar sendo proveitosa. Pero sucedeu algo. Vin a tres rapaces rodeando a unha rapaza. Un deles tiña unha navalla. Ela estaba asustada. Era fermosa. Pequena, rubia de ollos verdes. Pensei na réplica de pistola que levaba no peto. Logo penseino mellor. Non, non me vou meter. Teño abondos problemas xa, hoxe non é o día de ser o heroe.”

miércoles, 21 de noviembre de 2007

Level 2

Mirei a hora. Eran as oito e vinte escasas. Parece que me vai dar tempo. Mesmo me vai sobrar, pensei satisfeito. Levaba toda a noite conducindo. Mirei furtivamente ao asento do acompañante. Aí estaba a miña carpeta azul. A miña esperanza. Dentro dunha semana cumpríanse os tres meses dende que comezara o proxecto. Unha reportaxe fotográfica sobre os suburbios das cidades. Mergullárame en tódolos barrios baixos duns cincocentos kilómetros á redonda. Fotografara escenas terribles. A pobreza en si mesma, o sinsabor dos barrios marxinais, todo estaba na miña carpeta.

Cando comezara a traballar na reportaxe, non tiña moi claro que facer con ela. Tiña pensado vendela a algunha revista ou algo así. Ademais de ser un bo traballo, era consciente de que era comercial. Á xente interésalle ver os problemas dos demais. Sempre en fotos, claro. Pero gústalles saber que hai xente que o pasa mal. Así séntense afortunados e satisfeitos coas súas vidas.

Pero a noite anterior cambiara todo. Por pura casualidade vira un cartel amarelo no chan, preto da zona universitaria. Estaba enrugado e un pouco mollado, pero unha gran cámara de fotos chamoume á atención. Pareime e por curiosidade, lin: “CONCURSO FOTOGRÁFICO. A comunidade de (...) convoca un concurso de reportaxes fotográficas...” Sentín que era o meu día de sorte. Agacheime e desdobleino con coidado. Continuei a ler: “O tema é libre, sempre que esté relacionado coa vida urbana. (...) Os traballos deberán presentarse no Concello de (...) nun sobre cerrado (...) o prazo remata o día (...) ás dez da mañá.” A parte das especificacións técnicas e a dotación económica estaban borradas. Aínda así pareceume que era un sinal. O prazo acababa ao día seguinte e estaba moi lonxe, pero arrisqueime.

Despois de moitas horas ao volante, entrei na cidade. Non foi moi difícil encontra-lo concello. Aparquei e collín a miña carpeta. Cando baixei, un coche aparcou ao meu carón. De repente todo se tornou confuso. Vinme sumido nun silencio aterrador. Caín no chan. Mirei diante miña e vin como a miña carpeta e as súas fotos planeaban lentamente, antes de alcanza-lo chan. Estaban lonxe de min, metidas nunha nube de fume negro. Non comprendía nada. A xente corría. Dous coches estaban a arder. Un home saiu dun deles. Tamén ardía. Recoñecín o meu Saab, estaba de lado, con tódolos cristais rotos, envolto polo lume.

Unha cabeza apareceu sobre min e faloume. Eu non podía escoitar nada. Sentín dor nas pernas, como pinchazos moi fortes. Dóenme as pernas, axúdeme... Vin como os seus ollos se enchían de bágoas. Axudeme... Incorporeime un pouco e mireime as pernas. Entón todo se encheu de son. As alarmas dos coches, berros de xente, sirenas... O home falaba por un móbil:

“Manden un médico, rápido, á plaza de España! ... Estou con un home... houbo un atentado, está partido pola metade. ... Si, estáo. Que lle digo? Está ben, si.”

Sen apartar o teléfono, faloume: Como se atopa? Mal... Ten familia? Está casado? Si... Tirou o móbil do peto da miña camisa. Dígame, como se chama a súa muller? Dubidei. Estaba demasiado débil. Souben que ía morrer. Aínda así, contestei. Xoana...

lunes, 12 de noviembre de 2007

Vamos

Unha moza pediunos un pitillo mentres camiñábamos pola estación de autobuses. Xoana tirou un camel do peto e deullo. Encantábame chegar a unha cidade nova. Era consciente de que miraba todo con excesivo detemento e fascinación, coma se nunca tivera visto o escaparate dunha libraría ou un seto ben cortado. Xoana ríase de min: pareces un turista inglés, meu, mirando todo con eses ollos teus, tan grandes e abertos. Eu non lle facía caso. En realidade, poucas veces lle facía caso. Moitas menos das que ela pensaba. Collín a miña cámara de fotos e retratei un home que tocaba o acordeón á saída. O primeiro que me pasou pola cabeza foi que a cidade estaba chea de indixentes. Non estaba moi equivocado, probablemente a maioría da xente que andaba por alí o fose. Mireinos e imaxinei como serían as súas vidas, a que hora se levantarían, que periódico lerían ou se terían papel de parede na sala de estar.

Xoana interrumpiume. Temos que buscar onde pasa-la noite, non? Porque ata as dúas ou así non podemos facer iso. Asentín.

Atopamos unha pensión de mala morte bastante céntrica. O dono era consciente da precariedade do seu edificio. Sóubeno porque todo foron amabilidades. Quíxonos subir el a mochila, pero non llo permitín. Xa na habitación, sentamos nas nosas camas. Colléramos unha dobre, aínda sabendo que rematariamos por durmir xuntos. Sempre sucedía, aínda que o negáramos. Xoana estaba casada. Casara aos vintedous anos. Eu non. Eu non caso.

Suxeriume irmos ver a cidade. Xa que estamos, haberá que aproveita-lo tempo, non? Díxenlle que si, pero que prefería ir só, tiraría unhas cantas fotografías. Enfadouse. Díxome que non tiña dereito a tratala así, e que podía sacar fotos igual se estaba ela, e que o demo nos levase a min e á miña cámara. Ás oito estarei aquí, Xoa, chau.

Saín á rúa e entrei nunha tenda, nun “Super Oriental”. Encantábame pasear por ese tipo de establecementos. Miles de cousas mirábanme dende os estantes, todas funcionando, todas cheas de cores. Pregunteille ao dono se podía tirar unhas cantas fotos dentro do local. Non me entendeu. Sinalei a cámara e díxome que non tiña. Deixeino por imposible, despois de todo, xa non me apetecía sacar foto ningunha. Merquei un bloc, un bolígrafo e marchei.

Comprei un billete de lotería e preguntei pola Praza de España. Ten que baixar por aquí e alí onde está aquel semáforo, non o ve? Pois colle á esquerda, baixa outra vez e xa a ve. Gracias, gracias. Repetín a rutina que tantas veces tiña feito. Fun á praza, tirei fotos dende varios ángulos, observei a xente e a casa do concello. Sobre todo a casa do concello. Era un destes edificios antigos, grandes - desproporcionadamente grandes - cunha porta de madeira chapada en ferro. Unha eminencia. Senteime nun banco e esquecín porque estaba alí. Centreime na xente. Vellos, novos... volvín a pensar nas súas vidas. Na de todos e cada un deles. Sentinme abrumado por tanta información e desconectei. Gustábame estar alí, sen pensar en nada. Sabía que en toda a cidade non me coñecía ninguén. Ninguén me amaba. Ninguén me odiaba. So Xoana, pero agora estaba moi lonxe. Moito máis lonxe ca distancia física, estaba noutro mundo, noutro universo, estaba morta. Disculpe, señor, déixame sentar aquí a esta muller? Unha muller duns corenta anos estaba diante miña, tendo conta dunha anciá obesa, con cara de aflixida. Non. A muller miroume desencaixada. A vella non se enteraba de nada. Levanteime e marchei sen miralas. Gracias... Rosmou alguén ás miñas costas. Eu funme pensando que ese banco maña sairía na televisión. En tódalas televisións.

Entrei na habitación e sentín o ruido da auga. Xoana estábase dando un baño. Sempre o facía unhas horas antes. Nunca entendín por que.

Tirei do peto o bloc e o bolígrafo e escomecei a escribir un poema:

“Noite. Todo noite.

Movéndonos ás agachadas. Na túa noite.”

Quedei un anaco mirando o comezo. Decidín que non ía escribir ese poema. Tachei o escrito, pechei o bloc e tumbeime na cama. Miraba o teito. Estaba pintado irregularmente e tiña humidade en dúas esquinas. Sentín que Xoana saía do baño. Mirei a súa figura envolta na toalla branca. O pelo negro, mollado, chegaba case a cubrirlle o pescozo. Era delgada e, só coa toalla, semellábao aínda máis. Pero antoxóuseme perfecta. Collín a cámara disposto a inmortalizar aquela marabilla. Nin se che ocorra tirarme unha foto. Deixeina onde estaba. Está todo en orde, estiven na plaza. Todo como nos dixeron. Ela molestouse polo meu comentario. Non lle gustaba falar do tema. Deus, é que non podes pensar noutra cousa en todo o día? Hai máis mundo, meu... Pero estaba equivocada. A min iso en realidade non me importaba. Pero non quería facelo mal. Por iso sempre ía un anaco antes. Quería saber ir sen perderme, saber o que ía atopar, non ver cousas novas. As cousas novas poñíanme nervioso. Xa non estás enfadada? Podemos ir cear un Kebap por aí. Dixo que seguía enfadada, pero eu sabía que non. Non atopamos onde mercar un Kebap, así que ceamos no primeiro mesón que vimos. Non falamos nada importante durante a cea. Coincidimos en que a comida era mala, en que aquí facía máis frío que noutro lado e que xa nos quedaba pouco para marchar. Estás nervioso? Nunca pensei que me fora preguntar iso. Non era o habitual. Nunca o fixera. A que ven iso? Miroume moi seria. Si que o estás. Hoxe vai sair mal. Xa o verás, porque estás nervioso. Vai sair mal. Non entendía a que viña todo aquelo. Pero cabreeime. Déixame en paz, anda. E vámonos daquí, este sitio non me gusta.

Voltamos á pensión. Aínda eran as dez. Decidín deitarme e durmir un par de horas, sempre viña ben. Xoana dixo que ela tamén o faría. Deitámonos. Aos dez minutos sentín que se deslizaba entre as miñas sabas. Meu... non quero estar soa...

As dúas erguémonos e saimos á rúa. Na praza facía frío. Non había ninguén. Con algo de esforzo levantei a tapa da alcantarilla e dispuxemos todo como estaba previsto. Veña, vámonos, ás oito e media temos que estar aquí outra vez, e hai que ser puntuais. Voltamos á pensión e durmimos tranquilamente.

(...)

Son as once e estou de volta no autobús. Xoana está durmida no meu ombro. Canto máis a miro máis me namoro dela. Ela sábeo. Sabe que estou aquí únicamente por ela. Que non me importa nada máis ca iso. Nin o que se gaña nin o que se perde. So a súa compañía. Téñenme porque son o mellor e eu estou con eles porque a necesito. Sabémolo todos, é unha ironía, pero funciona así.

Diante nosa van sentadas dúas mulleres entradas en anos. Pero como fue ho? Aquí? Ai, escucha, escucha... O conductor do autobús deulle volume á radio.

“Hai escasamente tres horas houbo un atentado terrorista en (...). Ao parecer os terroristas situaron un artefacto explosivo nunha alcantarilla baixo o aparcadoiro do alcalde e fixérono estoupar cando chegou este. Polo que puidemos saber, hai catro falecidos – entre eles o alcalde e a súa escolta – que morreron no acto e varios feridos graves. As primeiras hipótesis apuntan...”

De repente sentín que perdera algo. Con un pouco esforzo, conseguín lembralo con claridade. Efectivamente, deixara o bloc - co seu poema inacabado - na pensión. Aí estás ben, amigo. Xa te rematará outro...